Unha nova plataforma tecnolóxica axudará á xestión dos servizos sociais

xoves, 9 de decembro do 2010 Redacción

A Consellería de Traballo e Benestar, a Universidade de Santiago (USC) e a Fundación Caixa Galicia impulsarán unha plataforma tecnolóxica dentro do Observatorio Territorial, Económico e Social, coa que se realizarán proxeccións e análises dos escenarios a curto, medio e longo prazo respecto á evolución dos distintos colectivos aos que se dirixen os servizos sociais segundo recolle o convenio asinado hoxe entre as dúas entidades. Este instrumento, con capacidade de actualización automática da información, está ultimando a definición do mapa actual de centros e servizos sociais cos que xa conta Galicia e servirá de punto de partida dos que se poñan en marcha no futuro.
Esta iniciativa vén a reforzar o Observatorio Territorial, Económico e Social, cuxo labor arrancou hai dous anos. Traballo e Benestar desenvolverá esta ferramenta tecnolóxica coa USC e a Fundación Caixa Galicia para mellorar a calidade, a eficacia e a eficiencia na prestación dos servizos sociais, ao tempo que permitirá facer unha planificación axeitada dos mesmos.
A Administración galega, o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e o Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) farán estudos e proxeccións sobre a realidade socioeconómica da comunidade mediante unha nova aplicación que combina un sistema de información baseado en tecnoloxías SIX (sistema de información xeográfica), realizado con software libre, e estatísticas.
A información que a Consellería dispón sobre as súas áreas de actuación complementará as proxeccións e escenarios a corto, medio e longo prazo que a nova aplicación efectúe sobre os destinatarios dos servizos sociais (persoas maiores, con discapacidade, nenos de 0 a 3 anos e o resto de servizos comunitarios e especializados).
Así, o Observatorio Territorial, Económico e Social contará con máis amplas bases de datos e un maior número de posibilidades de análise dos mesmos. O seu traballo estará centrado no establecemento e estudo dun conxunto de indicadores que facilitarán un coñecemento máis profundo da realidade socioeconómica e territorial galega no eido dos servizos sociais.

Beatriz Mato, na sinatura do convenio de colaboración co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long

PUBLICIDADE