Unha nova liña de axudas quere universalizar a banda larga a 100 Mbps

luns, 9 de maio do 2022 Marcus Fernández

O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, publicou unha consulta pública sobre as bases reguladoras das axudas contempladas no programa UNICO-Demanda Rural, dotada con 73,3 millóns de euros de fondos europeos.
As axudas UNICO-Demanda Rural aplicaranse en toda España e teñen como obxectivo estender a banda larga ultrarrápida (100 Mbps como mínimo) en zonas rurais e remotas onde os operadores non realizaron a despregadura das súas redes.
Esta convocatoria de axudas pretende contribuír ao obxectivo de levar conexións de banda larga ultrarrápida ao 100% da poboación en 2025, cunha tarifa mensual asumible para os consumidores (menciónase un prezo máximo mensual de 35 euros, de existir límite de descarga a máxima velocidade, o mínimo de datos debería ser de 100 GB/mes) e reducindo así a fenda dixital. O programa tamén prevé axudas para a instalación de equipamento e a alta dos usuarios finais no servizo minorista de acceso de conexión á banda larga, cubrindo os gastos asociados como a adquisición do equipamento de usuario final, a súa instalación e a súa posta en funcionamento.
A primeira convocatoria do Programa UNICO-Banda Larga concedeu axudas por valor de 249,9 millóns de euros, levando a banda larga a máis dun millóns de fogares e empresas en 4.500 concellos.

PUBLICIDADE