Unha nova aplicación móbil busca garantir as comunicacións privadas

mércores, 10 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Sunde, Högberg e Olsson son os promotores deste proxecto

Un dos co fundadores de The Pirate Bay, Peter Sunde, xunto cun par de colaboradores (Leif Högberg e Linus Olsson), iniciaron onte un proxecto de micromecenado co que pretende financiar o desenvolvemento dunha ferramenta de mensaxería instantánea fermosa e segura chamada Hemlis, que no seu primeiro día conseguiu superar os 50.000 dólares, deixando claro o interese por este tipo de solucións que buscan garantir a intimidade nas comunicacións persoais, de xeito que os seus usuarios poidan intercambiar mensaxes sen que gobernos e empresas poidan espialos.
A palabra hemlis significa segredo en sueco, deixando claras as intencións desta plataforma que consolidarase en forma de aplicación para iPhone e Android (sen desbotar outras plataformas máis adiante), buscando tamén unha boa interface de usuario, aínda que o centro deste desenvolvemento será sempre a seguridade nas comunicacións.
Aínda que os responsables do proxecto aseguran que no caso de acadar poucos cartos devolverán os fondos aos mecenas, non parece que vaia darse o caso (é de agardar que completen o financiamento en poucas horas), pois están a recibir numerosas achegas que sen dúbida garantirán a viabilidade desta iniciativa que consolidarase nunha aplicación freemium, que ofrecerán unha aplicación de balde básica, con funcións desbloqueables mediante pagamento (asegurando que en ningún dos casos colocarán publicidade nin venderán datos dos seus usuarios).

Semellanzas cun proxecto galego

Este proxecto que vai en vías de converterse nun éxito internacional contrasta cunha iniciativa galega, Privit, que buscaba xuntar 5.000 euros a través de Indiegogo para botar a andar a súa solución de comunicación privada, e que quedou a bastante distancia do obxectivo buscado, o que pode lembrarnos ao acontecido con Gato Salvaje e o seu xogo AR-K, que só conseguiu trunfar en Kickstarter nun segundo intento no que esforzáronse en chegar ao público norteamericano con reclamos como a incorporación dunha persoa coñecida ao seu equipo (o guionista de comics Greg Rucka).


Vídeo promocional da campaña de micromecenado de Hemlis

PUBLICIDADE