Unha moza faise cun portátil novo vendendo publicidade no mesmo

mércores, 22 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Un británico publicou unha web na que vendía píxeles a un dólar cada un, de xeito que xuntou preto dun millón de dólares (a réplica galega non acadou tal éxito), un estudante estadounidense ofreceu a súa fronte para amosar publicidade, e agora unha programadora informática chamada Leah Culver buscou un curioso xeito de financiar a adquisición do seu novo portátil: vendendo espazo publicitario no mesmo.
Así, Culver anunciou a súa intención de adquirir un novo MacBook Pro, despois de empregar durante 6 anos un iMac cun procesador G3, e ofreceu a superficie do novo equipo para o seu gravado láser a razón de 150 dólares a polgada cadrada, e por absurdo que pareza, saíuse coa súa, aínda que hai que apunta que tal éxito se debe a que Culver é unha moza guapa que gusta dos ordenadores (o que a xuízo dalgúns é unha estraña mestura).
Agora, a área da baía de San Francisco conta cun portátil MacBook Pro con procesador Intel Core 2 Duo a 2,33 GHz, unha pantalla de 15 polgadas, 3 Gb de memoria RAM e un disco duro de 200 Gb pagado por anuncios das máis populares páxinas da chamada Web 2.0, polo que poderiamos apostar a que os investidores na publicidade do equipo non foron precisamente os responsables de márketing de tales compañías, senón de particulares que querían realizar doazóns para esta orixinal iniciativa.

PUBLICIDADE