Unha mostra explora en profundidade o fenómeno que supón a intelixencia artificial

luns, 5 de setembro do 2022 Redacción

Afundación, a Obra Social de ABANCA, inaugura a exposición internacional AI: More than Human, un dos proxectos máis importantes do ano, obra do Barbican Centre de Londres e coproducida polo Forum Groningen de Países Baixos. A mostra propón un percorrido pola orixe, os retos e as oportunidades que a intelixencia artificial expón ao ser humano, comezando nas súas antigas raíces ancoradas no xintoísmo xaponés e os primeiros experimentos de Ada Lovelace e Charles Babbage no campo da informática, até os grandes desenvolvementos realizados desde a década de 1940 até a actualidade.
A montaxe ocupa a totalidade da sede de Afundación na Coruña e foi presentado esta mañá nunha convocatoria de prensa na que participaron Luke Kemp do Barbican Centre; Alba Meijide, comisaria da exposición; e Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación. Pola tarde tivo lugar a inauguración do proxecto, á que tamén acudiron Juan Carlos Escotet, presidente de ABANCA; Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; e Inés Rey, alcaldesa da Coruña; entre moitas outras autoridades.
Luke Kemp asegurou que « confiamos en que esta exposición logrará inspirar, animar a cuestionar, debater e discutir ao redor do fenómeno da intelixencia artificial e ofrecerá novas perspectivas sobre o noso mundo. Nós recoñecemos a perspectiva única que a arte, a ciencia, a cultura, a creatividade poden achegar aos visitantes, tanto escépticos como entusiastas, achega do mundo cambiante que nos rodea e como esta creatividade e investigación poden abrirnos a novas formas de estar nun mundo desafiante».
Os visitantes poderán interactuar directamente cos obxectos expostos para experimentar de primeira man as capacidades da intelixencia artificial. É por iso que o acceso á mesma se organizou en pases cada quince minutos. O tempo medio de visita é de 1 hora, pero unha vez o visitante acceda, pode permanecer o tempo que desexe. Poderase visitar até o 5 de febreiro de 2023, de luns a domingo en horario de 12.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30, agás os luns que abrirá só polas tardes. Os billetes están dispoñibles na web Ataquilla.com.
A exposición, organizada na Coruña en colaboración con ILUX Visual Technologies, está dividida en catro apartados diferentes:
The Dream of AI é a primeira parada no percorrido. Nela demóstrase que os inicios da Intelixencia Artificial son moito máis antigos do que normalmente se cre, xa que se remonta a tradicións relixiosas coma o xintoísmo xaponés ou a cultura xudía. Comprender como este desexo histórico de dar vida a seres inertes permitiu ao home explorar o seu lugar no mundo axuda a entender a súa percepción e relación coa tecnoloxía.
– A segunda sección da exposición leva por nome Mind Machines e mostra como a Intelixencia Artificial cobra forma grazas aos avances informáticos e matemáticos dos séculos XIX e XX, e como estes seguiron expandíndose a gran velocidade no século XXI dando á tecnoloxía capacidades espectaculares como ocorre coas redes neuronais artificiais.
Os visitantes terán a oportunidade de ver e interactuar con proxectos de investigación e sistemas punteiros neste campo. Entre eles atópanse desenvolvementos históricos como a máquina Enigma e a máquina Bombe de Alan Turing, elementos craves no transcurso da II Guerra Mundial. Pero tamén os desenvolvementos máis recentes de empresas como DENSO Corporation, que expón o seu brazo robótico, e o departamento de Arte e Cultura de Google, que presenta unha obra interactiva que achega a intelixencia artificial á poesía británica do século XIX, entre outras moitas obras.
Data Worlds é a terceira sección de AI: More than Human. Nela ofrécese unha análise da infinidade de aplicacións que ten esta tecnoloxía, así como a súa incorporación a campos como a sanidade, o xornalismo ou o comercio.
As obras desta sección achegan ao visitante ás cuestións éticas e morais que rodean actualmente á Intelixencia Artificial e analiza como afectan no día a día, contando con desenvolvementos entre os que se atopan un simulador de condución con análise facial ou un sistema capaz de converter os obxectos que perciba en pinturas en tempo real.
– Endless Evolution é a última sección do percorrido e céntrase na área de investigación coñecida como A-Life a cal amosa como a Intelixencia Artificial se fusiona con outras disciplinas para cambiar a nosa idea do que chamamos «natural». Aquí, o visitante poderá ver, por exemplo, como millóns de copias dun álbum musical poden ser codificadas en ADN e gardadas dentro de botes de spray, ou mesmo arrecender as flores dunha árbore que se extinguiu hai máis de 100 anos.
Complementando a estas catro secciones principais, a exposición tamén conta cunha serie de instalacións especiais como Future You, creada especialmente para AI: More than Human, que permite ao visitante enfrontarse ao seu sintético do futuro. Poderá observar como o personaxe aprende os seus movementos e retalo a seguir o ritmo mentres aprende a saltar e a bailar.
Na instalación PoemPortraits o visitante poderá facerse unha fotografía e doar unha palabra á obra de arte. A palabra elixida, xunto cunha palabra dun participante anterior, incorpórase a un poema único de dúas liñas xerado por un algoritmo e mapeado no retrato.
Na instalación dinámica e interactiva a gran escala, que recibe o nome de Totem, utilízase a detección e o Machine Learning para informar sobre os patróns, ritmos e comportamentos que o rodean. Estes poden cambiar segundo a luz, o número de persoas ou o movemento da sala.
2065 é un videoxogo de mundo aberto no que os xogadores exploran unha nación na que a automatización avanzada ha eliminado a necesidade de que os humanos traballen. Nel amósase a percepción do autor de como será este ano 2065, permitindo o acceso a tres experiencias distintas con 3 portais dentro do xogo.
Finalmente, AI: More than Human presenta en exclusiva na Coruña o desenvolvemento eVidens AI que aplica as posibilidades da Intelixencia Artificial ao ámbito das viaxes e o turismo. A través dun complexo sistema de Computer Vision baseado en Machine Learning, eVidens AI creou unha rede de deep learning capaz de realizar unha análise exhaustiva e categorizada en tempo real da información contida en miles de imaxes.

Na mostra podemos facer un repaso da intelixencia artificial até os nosos días
Na convocatoria para medios desta mañá participaron Miguel Ángel Escotet, Alba Meijide e Luke Kemp
A máquina de Babbage é unha das xoais que poden verse na mostra
Na exposición destácanse aplicacións da intelixencia artificial que temos tan presentes como as propias aspiradoras robotizadas
A mosta repasa grandes exemplos da intelixencia artificial como o Deep Blue que conseguiu marcar varios fitos no mundo do xadrez

PUBLICIDADE