Unha mensaxe de texto pode provocar o reinicio do iPhone

mércores, 27 de maio do 2015 Marcus Fernández

A aplicación de Mensaxes de iOS presenta un curioso fallo, que provoca que tras recibir unha cadea de caracteres tanto por SMS coma por iMessage provoque o bloqueo da aplicación e incluso do iPhone, levando ao seu reinicio e facendo que a aplicación de Mensaxes se peche automaticamente cada vez que se intenta abrirse despois do mencionado fallo.
A mensaxe con símbolos e caracteres en árabe está a empregarse principalmente como broma, resultando bastante complicado recuperar o funcionamento habitual do teléfono, e mentres Apple atopa unha solución definitiva (corrixindo o bug que provoca este erro) atoparon algunhas solucións como escribir algo na aplicación de Notas e compartir ese contido como resposta á mensaxe problemática, sendo tamén posible enviar calquera contido a tal mensaxe mediante Siri. Ao parecer existen moitas outras solucións que teñen como elemento común o enviar unha mensaxe de resposta con algún contido dende unha aplicación distinta á de Mensaxes.

PUBLICIDADE