Unha mascota virtual achegará a realidade aumentada á PS3

xoves, 4 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Nenos movendo unha zapatilla para entreter á súa mascota virtual

Os Tamagotchi puxeron de moda as mascotas virtuais, creando unha moda que co tempo remataría dando lugar a xogos de éxito coma o Nintendogs para Nintendo DS e agora incluso chegaría unha experiencia de realidade aumentada grazas ao uso da PlayStation Eye (a web da PS3) segundo púidose ver na feira E3.
O título que permitirá esta innovación será EyePet, que entra así nesa liña de produtos para consola que non é exactamente un videoxogo, pero que podería converterse en todo un éxito, xa que mestura na pantalla do televisor no que estea conectado a PlayStation 3 as imaxes que capte a webcam, incrustando sobre as mesmas unha mascota virtual, que vén a ser un moniño totalmente personalizable (ao que se lle pode incorporar roupa e mesmo cambiar o tipo de pelaxe) que interactuará co que aconteza no mundo real.

A mascota de EyePet pode personalizarse


Os usuarios poden xogar co moniño, darlle de comer, pórlle roupa, aloumiñalo… e a través dunha tarxeta máxica tamén é posible debuxar obxectos que aparecerán convertidos en figuras 3D interactivas a xeito de xoguetes.
Este xogo/simulador está orientado para o seu uso por parte de toda a familia, e só é un expoñente máis do que a realidade aumentada vai achegar nos vindeiros meses, pois lembremos que xa hai xogos que fan uso de técnicas semellantes para a Nintendo DSi e o iPhone.


Anuncio de EyePet

PUBLICIDADE