Unha investigación critica o uso que os políticos fan de Twitter nas eleccións

mércores, 23 de setembro do 2015 Redacción

As últimas eleccións europeas de 2014 foron sometidas a moitas análises. Desta volta centrarémonos na participación e receptividade ás mensaxes emitidas na rede social Twitter ao longo dos devanditos comicios, uns procesos nos se volveu manifestar (malia a concorrencia dunha comunidade 2.0 que teoricamente debera xuntar e non crear fendas) a gran distancia que adoita separar aos candidatos (que desta volta centraron a súa mercadotecnia na campaña, no sistema electoral e na corrupción) dos votantes (que envorcaron o seu interese nas polémicas xurdidas na campaña). Estas son as conclusións (entre outras) dun exhaustivo traballo da profesora Mª Luz Congosto (Enxeñaría Telemática da Universidade Carlos III de Madrid).
A investigadora quixo examinar este contexto de Twitter nas eleccións europeas para amosar que hai dous planos de conversa con pouca conexión: a dos políticos (controlado polos partidos e candidatos) e a dos cidadáns (máis libre en estrutura e temas tratados).
Cómpre subliñar que dende as eleccións catalás de 2010, cando se acadou unha masa crítica de usuarios españois en Twitter, esta rede social supón un importante papel na difusión de mensaxes en todas as campañas electorais celebradas até a data en España.
Volvendo ao estudo, publicado na revista Redes, este centrouse en tres aspectos da conversa política que se desenvolve nesta rede social: a estrutura dos tuits, o seu contido e a propagación dos mesmos. A enxeñeira estudou os patróns de publicación, os temas tratados, a difusión das mensaxes e os perfís dos usuarios.
As conversas externas e internas descríbense no artigo como “auga e aceite”. E engade: “O primeiro que terían que facer os partidos e os candidatos é escoitar o que di a xente, porque creo que é moi instrutivo coñecer o que se está a dicir na Rede, opina a autora do estudo. Aínda que matiza que os usuarios de Twitter non son unha representación total da sociedade, xa que se trata en xeral de usuarios novos e con certa preponderancia masculina.

PUBLICIDADE