Unha filtración da propia Apple confirma que o iPad Air 2 e o iPad mini 3 terán Touch ID

mércores, 15 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Imaxe do manual de iOS 8.1 que confirma os novos iPad

As filtracións das últimas semanas estaban a deixar a Apple sen ases na manga de cara á súa keynote de mañá, na que se agarda a estrea da nova versión de OS X e a presentación de novos produtos entre os que estarían o iPad Air 2 e o iMac con pantalla Retina, pero finalmente a marxe para a sorpresa será aínda menor, xa que a propia Apple filtrou o que serán os seus novos tablets a través da publicación dunha captura de pantalla da nova guía de usuarios de iOS 8.1, na que podían verse detalles do iPad Air 2 e do iPad mini 3.
Quedaría así confirmado que mañá será a posta de longo do iPad Air 2, que como principal novidade tería a integración do sensor Touch ID, como tamén faría o iPad mini 3. Un detalle que tamén se filtrou na documentación é que o iPad Air 2 contaría cun modo de disparo consecutivo de fotografías (como fan os iPhone dende o 5S).
Dado que estas filtracións chegaron a través dun manual de iOS 8.1 (que xa non está en liña) podemos entender que esta actualización do sistema operativo móbil de Apple chegará á vez que a renovación de OS X (o que ten bastante sentido tendo en conta que boa parte das melloras de iOS 8.1 estarían dirixidas a facilitar as sinerxías entre dispositivos móbiles e ordenadores de Apple).

PUBLICIDADE