Unha filla de Giuliani apoia dende a Rede a outro candidato ás presidenciais norteamericanas

martes, 7 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Un dos candidatos republicanos ás presidenciais norteamericanas, Rudy Giuliani, atopa un novo atranco na súa carreira para gañar as primarias do seu Partido, xa que a súa filla de 17 anos, Caroline, apareceu na rede social Facebook coma membro dun grupo de apoio ó candidato demócrata Barack Obama.
Trala publicación deste feito en Slate, a moza borrouse do grupo One Million Strong For Obama, pero iso non evitou que se conservara unha captura de pantalla na que se podía ver como a moza apoiaba a Barack Obama antes que ó seu propio pai.
O perfil de Caroline continúa estando accesible para as máis de 42.000 persoas que pertencen as redes de Hardvard e Trinity School dentro de Facebook (aínda que modificou lixeiramente o seu apelido para non ser identificada de xeito doado), e no mesmo non se indican os motivos polos que a rapaza prefire que o seu pai non gañe as eleccións á presidencia dos EE.UU., pero con esta descuberta temos un exemplo de libro do que podería ser unha mala autodescrición nunha rede social, pois non só afecta á propia intimidade da moza, senón que pode supor unha vergoña para os seus proxenitores.

PUBLICIDADE