Unha empresa de Santiago achega tecnoloxía para mellorar o labor preventivo dos corpos policiais

xoves, 29 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

Pode a tecnoloxía variar a percepción que temos dos órganos policiais? Pode facelos máis eficaces e convertelos en pleno senso nos ollos na rúa das corporacións locais? Se atendemos ó que nos conta a empresa galega eLaboro, con sede en Santiago, a resposta ás dúas preguntas é sen lugar a dúbida “si”. Mais é preciso (unha vez máis) abrir ben os ollos ante o seguinte: as forzas de seguridade están hoxe obrigadas a incorporar técnicas afeitas ó novo modelo de sociedade. Dito douto xeito: non lles queda outra. Se temos en conta isto, só resta desenvolver esas técnicas, eido no que precisamente entra en xogo a empresa eLaboro, poñendo a punto ferramentas como ePatrol (na imaxe, en esquema).
Trátase dun sistema de xestión que permite levar a cabo todos os procesos das unidades administrativas ligadas á policía e en total coordinación con todas elas.
Para falarnos desta ferramenta, que xa se está a empregar en concellos como no da Estrada, contamos desta volta coa axuda de Jesús Velasco, director executivo de eLaboro, para quen está claro que deseñar servizos coma este é como poñer as primeiras pedras dunha sociedade na que evitar incidencias antes de que acontezan será moito máis importante que dar conta delas.
-Como está a ser acollido o voso sistema entre os principais beneficiarios potenciais da mesma, as administracións do Estado e máis concretamente as vinculadas ós corpos policiais?
-A acollida é moi boa, pois preto de catro de cada cinco unidades policiais ás que foi presentado valorárono como unha solución que practicamente resolve o 90% dos seus labores cotiás.
-Xa foi levado á práctica con algún caso concreto en Galiza? Con éxito?
-Tense levado á práctica no concello da Estrada, con salientable éxito. Responsables das policías de Sanxenxo e Cádiz visitaron as instalacións da Policía Local para coñecer de primeira man o funcionamento do sistema. Estes últimos, a raíz da visita, aprobaron xa posta en marcha no seu concello do sistema para o primeiro semestre do vindeiro ano. No intre actual, a nova corporación local está a valorar a ampliación do sistema para dotalo de novas funcionalidades.
-Credes que isto lle acaería ben ó que as institucións denominan “Administración Electrónica”?
-O ePatrol é un sistema de información totalmente situado en liña coa Administración Electrónica dentro das etapas denominadas “transacción” e “transformación”.
-Temos moita información sobre as finalidades do servizo ePatrol, pero gustaríanos saber como funciona exactamente. En poucas palabras e co fin de achegar un pouco de luz sobre esta ferramenta perante os nosos lectores, como se fai emprego dela, que tecnoloxías inclúe e a cantos “actores” implica?
-O ePatrol inclúe as tecnoloxías vinculadas á mobilidade e aquelas que están baixo o paraugas dos sistemas abertos. As primeiras achegan inmediatez e ubicuidade, a través de GPRS ou Wi-Fi, na actualidade, pois permite incorporar calquera outra que poida establecerse como habitual no futuro ou estratéxica a día de hoxe. As segundas teñen que ver coa arquitectura J2EE e a linguaxe Java, que permiten dispor dun sistema multiplataforma e aproveitar a constante evolución do software libre.
Os actores implicados son todos os que teñen que ver cos procedementos administrativos derivados da xestión policial: unidades administrativas do propio concello (tesourería, secretaría, rexistro, etc), empresas que ofrecen servizos externalizados (firmas recadadoras, axentes da zona ORA), outras unidades policiais...
-Cales foron os obxectivos que vos animaron a desenvolver este servizo? Facilitarlle o traballo ós corpos policiais ou facilitarllo en última instancia ós propios cidadáns?
-As novas tecnoloxías, no eido das forzas de seguridade, son a expresión dun movemento dende a sociedade disciplinaria á sociedade de control. Hoxe, a clásica representación do poder xa non serve para explicar o xeito no que é exercida a vixilancia. As forzas de seguridade, como institucións e como actividade, vense obrigadas a incorporar técnicas e tecnoloxías novas, afeitas ó novo modelo de sociedade. No ámbito local, a policía pode exercer unha función de anticipación e prevención, pois pode converterse nos ollos da corporación local que pode tomar o pulso do que realmente acontece no seu concello. Deste xeito, debemos deixar de lado a idea dunha policía local represora ou sancionadora para propoñer unha policía local previsora, asistente, que se anticipa ós problemas e que reporta en tempo real, a pé de rúa, o que ocorre no municipio.
-Imos agora coa que cremos que é a pregunta clave. Os órganos policiais, sexan da índole que sexan, serán máis eficaces grazas ó emprego deste tipo de ferramentas? Terán máis posibilidades de estar no sitio e no intre no que deben estar?
-Poder reportar calquera incidencia dende o mesmo lugar no que acontece, sen ter que desprazarse até Xefatura, permite ser máis eficaz. Poder enviar son, voz, imaxe e datos en táboas, en tempo real, permite ser máis eficaz. Poder consultar un rueiro actualizado, identificar a un peón ou a un vehículo, sen que sexa precisa unha conexión remota nin de datos, nin telefónica, permite ser máis eficaz. E se, ademais diso, o sistema reparte cada tarefa ó responsable correspondente, de xeito automatizado, teremos a certeza de que as incidencias reportadas serán abordadas de maneira máis eficaz e no menor tempo posible. O responsable municipal ou o xefe da policía saben en calquera intre, cun só clic, o que acontece e a súa evolución no tempo. Trátase dunha ferramenta de valor que permite tomar as decisións máis axeitadas en calquera intre.
-Cal é o motivo da vosa aposta polo software libre? Se non fose polo emprego de alicerces informáticos baseados en códigos abertos, sería imposible realizar dende Galiza un proxecto coma este?
-Apostamos polo software libre por diferentes motivos, pero basicamente por dous: pola clara aposta que tamén fai o cliente potencial desta solución e porque nos permite ser máis eficaces rebaixando custos e tempos de desenvolvemento, fornecéndonos de independencia tecnolóxica e dunha rápida adaptación ás tecnoloxías que aínda quedan por chegar.
-Faládenos doutros proxectos vosos. Que tendes a maiores entre mans?
-Queremos abordar o desenvolvemento dunha solución sinxela para a xestión de calquera sistema de calidade, xa sexa EFQM ou ISO. Son moitas as empresas que sofren a posta en marcha, pero sobre todo o mantemento da certificación e temos unha idea clara do que os responsables de calidade das compañías están a demandar.

PUBLICIDADE