Unha decena de rapaces de Valga convértense en especialistas TIC na Aula CeMIT

venres, 18 de agosto do 2023 S. P.

A Aula CeMIT de Valga, emprazada no Auditorio Municipal, acolleu este xoves 17 de agosto unha sesión práctica de experimentación tecnolóxica na que participaron unha decena de nenos e nenas do termo municipal con idades comprendidas entre os 8 e os 11 anos de idade.
Esta iniciativa, promovida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), ten como obxectivo “espertar vocacións tecnocienfíticas entre a mocidade e reforzar as súas capacidades en ámbitos coma a ciencia, a enxeñaría ou as matemáticas a través de obradoiros nos que aprender e experimentar”.
Neste caso os rapaces, dirixidos pola docente Paula Tubío, traballaron na elaboración de circuítos eléctricos con papel e, a despois, crearon unha peza audiovisual en formato stop motion. Para iso, deseñaron e deron forma a diferentes personaxes con materiais coma cartolina, plastilina ou pompóns.
A vindeira semana, o venres 25, celebrarase na mesma localización un segundo obradoiro dirixido a mozos de 12 a 15 anos que poderán experimentar coa creación de tecidos intelixentes. Os participantes aprenderán a programar sensores para construír un proxecto sobre unha prenda téxtil que reaccione a cambios de distancia, luz, inclinación, etc. As inscricións poden realizarse a través da Rede CeMIT ou de xeito presencial no Concello ou no Auditorio.
A través destas actividades trátase de “potenciar o desenvolvemento das competencias tecnolóxicas asociadas ás ciencias, introducindo a creatividade e empregando materiais innovadores relacionados coa arte para que as sesións resulten máis atractivas para os participantes”.

PUBLICIDADE