Unha conferencia en Compostela exporá as solucións baseadas na Rede para empresas de servizos profesionais

mércores, 28 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Beatriz Legerén, Helena Veiguela e Manuel Pan presentando o Plan Impacto

Hoxe terá lugar no Club Internacional de Prensa en Santiago de Compostela unha conferencia para analizar as solucións que ofrece a Internet ás empresas de servizos profesionais, organizada pola Asociación de Empresas Galegas Adicadas á Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.
A conferencia estará impartida por Jaime Arregui, consultor senior de Interacción, e baixo o título de Solucións Internet para empresas de servizos profesionais exporá aplicacións novas para a xestión de equipos humanos e para o intercambio de arquivos entre empresas e clientes de forma segura.
A sesión terá lugar ás 18:00 horas e estará aberta a todo o público interesado, concibíndose coma un foro de debate no que os asistentes poderán expor as súas preguntas e obter respostas ás mesmas por parte dun experto.
Esta conferencia está integrada no Plan Impacto organizado por EGANET e a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información que pretende mellorar a cultura tecnolóxica e favorecer a implantación das TIC na xestión das pequenas e medianas empresas galegas a través de 22 sesións de carácter monográfico sobre temas de grande interese para as empresas.

PUBLICIDADE