Unha compañía californiana imprime fetos en 3D

venres, 17 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos anos puidemos ver moitas tecnoloxías que facilitaban a exploración dos fetos no ventre materno, chegando incluso a xerar unha imaxe tridimensional animada do mesmo (que algúns chaman ecografía 4D), e aproveitando estas imaxes creadas a través de ultrasóns xurdiu un proxecto que buscaba plasmalas nunha réplica tridimensional do bebé e, aínda que a campaña desenvolvida en Indiegogo para acadar financiamento fracasou, parece que a iniciativa segue adiante, pois na súa páxina web están a aceptar pedidos para imprimir fetos en 3D a tamaño real (uns 20 centímetros) para o que é preciso remitirlles entre 1 e 5 imaxes do bebé.
Para crear a figura haberá que indicar algúns detalles para establecer o molde a personalizar (sexo do bebé, posición do corpo e ton de pel), aínda que non estamos ante un servizo moi popular en prezo, pois cobran 600 dólares (443,43 euros) por cada figura tridimensional. Aparte do prezo tamén resulta difícil determinar se estamos ante un produto morboso ou sentimental, dependendo de como vexa cadaquén a idea de soster entre as súas mans unha réplica dun bebé antes do seu nacemento.

Podemos elixir varios tons de pel para os fetos impresos en 3D

PUBLICIDADE