Unha clínica de Madrid retransmitirá en directo unha operación cirúrxica con Google Glass

xoves, 12 de setembro do 2013 Redacción

A Clínica CEMTRO de Madrid vai acoller o vindeiro día 17 unha cita multitudinaria arredor da temática da e-saúde, que é onde se cruzan as vantaxes das novas tecnoloxías cos obxectivos de achegar mellor atención e seguimento médico. Máis polo miúdo, a cita xirará arredor dunha tecnoloxía ben concreta: Google Class. No encontro participarán 300 universidades de hospitais dos cinco continentes, segundo informan os responsábeis do mesmo (unha alianza entre o dito centro e empresas como Droiders, Google, Telefónica ou Indra, entre outras). A actividade máis importante será unha intervención cirúrxica con Google Glass, empregando as hangouts (videochamadas) de Google+, coa que se formará a médicos e estudantes de Medicina en dúas técnicas pioneiras: o artroscopio sen fíos (WAD) e o implante de condrocitos autólogos.
Esta clase mestra será impartida polo doutor Pedro Guillén, da Clínica CEMTRO, grazas ao desenvolvemento tecnolóxico que a empresa española Droiders realizou sobre as Google Glass a través do seu sistema Glassters Streamer. Para a difusión da clase usarase o despregamento tecnolóxico de Telefónica para retransmitir en Alta Definición e máis o sistema de videochamada de Google+, ao tempo que Indra achegará a súa tecnoloxía aplicada á creación do WAD, un innovador dispositivo para a telemedicina (atención a distancia). Segundo informan as empresas implicadas, trátase dunha experiencia nunca realizada até o momento no mundo e que todos os usuarios interesados poderán seguir a través da ligazón de YouTube que atoparán na páxina web de clínica CEMTRO; e da web de Droiders, onde se retransmitirá en aberto.
Como lembraremos, Google Glass é un dispositivo desenvolvido polo buscador cun prisma incorporado á montura dunha lente, no cuadrante superior externo do eido de visión. O dispositivo conta con conexión a Internet e con recoñecemento vocal mediante vibracións da larinxe e de transmisión de son a través de condutividade ósea. “Isto permite ao usuario manter comunicacións multidireccionais, e acceder a calquera información online mentres realiza outra actividade con só aplicar ordes verbais”, engade a Clínica CEMTRO.

PUBLICIDADE