Unha campaña reivindica un maior uso do galego nos medios

mércores, 26 de marzo do 2014 Marcus Fernández

A Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) está a desenvolver unha campaña baixo o lema de Como cho digo ;-) coa que reivindican o uso do galego nos medios de comunicación, ante a pouca visibilidade que ten a nosa lingua nos medios, incluso ao informar de actos que se fan en lingua galega ou ao crear informacións a partir de notas e comunicacións redactados na nosa lingua.
Cada día son moitas as entidades, asociacións, concellos... que envían notas de prensa en galego, que organizan conferencias de prensa nas que se usa a nosa lingua, que desenvolve actos... e que despois son traducidos nos medios, son comunicados na prensa noutra lingua, o que tamén acontece con moitas persoas ao facer declaracións, conceder entrevistas, etc. Por todo iso, con esta campaña queren convidar a que o que se diga e aconteza en galego sexa transmitido polos medios na mesma lingua, convidando a persoas e entidades que teñan presenza pública e estean de acordo con isto se adhiran a Como cho digo ;-) (o que podemos facer vía web).
Nas vindeiras semanas e meses iranse desenvolvendo a través dos servizos de normalización lingüística e de entidades varias actos en diversos puntos da nosa comunidade para visibilizar a campaña e as novas adhesións. Actualmente xa amosan o seu apoio ao proxecto persoeiros como Francisco Castro, Yolanda Castaño, Jorge Mira, Luís Davila, Avelino González, Benigno Campos, Federico Pérez, Manuel Bragado, Fernando Vázquez, Sés, Rosa Aneiros, María Mera, Salustiano Mato ou Moncho Fernández, así como entidades como a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Nova Escola Galega, a Asociación Galega de Editores ou a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).


Vídeo promocional desta iniciativa da CTNL

PUBLICIDADE