Unha app para o comercio local e unha editorial de libros animados gañan o Programa Explorer by Santander na UDC

xoves, 12 de maio do 2022 S. P.

O concelleiro Jesús Celemín, a vicerreitora María José Lombardía, a creadora da editorial Zorro Blanco, Alba Álvarez, e a adxunta á Vicerreitoría, Estefanía Mourelle

Xa temos proxectos gañadores na XIII edición do programa de emprendemento universitario Explorer by Santander X (Jóvenes con Soluciones) na UDC: por unha banda o proxecto Cunca (UDC Space de Ferrol), unha plataforma dixital para o comercio local con packaging sustentábel, e pola outra Zorro Blanco (UDC Space da Coruña), unha editorial enfocada á creación de libros animados con ilustracións e audiolibros.
Cunca
Pablo Seoane, Sara Soldevilla, Carlos Rodríguez, Ana Montero e Alberto Caaveiro, estudantes do Grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto no Campus Industrial de Ferrol, son os creadores de Cunca, unha plataforma de comercio local que pretende deixar claro que “ser de barrio non é un problema, máis ben unha oportunidade”.
Zorro Blanco
Detrás da editorial Zorro Blanco está a antiga alumna da Facultade de Ciencias da Comunicación do Campus da Coruña, Alba Álvarez, quen actualmente cursa un mestrado en Ilustración e Concert Art. Tanto os estudantes da Escola Universitaria de Deseño Industrial como a moza titulada en Comunicación Audiovisual galardoada viaxarán no mes de xullo ata Oporto para continuar formándose nun hub de innovación europeo.
FastVisit, AcercArte, Asmikasa e BODS
No que atinxe ao UDC Space de Ferrol, o segundo premio foi para o proxecto FastVisit, especializado na creación de tarxetas de visita virtuais para restaurantes ou hoteis. Detrás desta proposta están dous estudantes do Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Sofía Yaringaño e Antonio Cruz. O terceiro premio foi para Eva Cayetana Somolinos, graduada polo Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño nas especialidades instrumentais de Viola e Piano, quen presentou AcercArte, un proxecto que une música e arte a través da sinestesia.
O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolleu este martes 10 de maio a presentación dos 10 proxectos finalistas e o acto de entrega de premios que presidiu a vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade, María José Lombardía, e ao que asistiu a concelleira de Emprego e Promoción Económica, Mayte Deus.
Pola súa banda, no UDC Space da Coruña, o segundo premio foi para o proxecto Asmikasa, un marketplace dirixido aos peregrinos do Camiño de Santiago argallado polo alumno da Facultade de Economía e Empresa, Iago Parga. O terceiro premio foi para BODS, unha plataforma para solicitar bonos para eventos con contido ligado aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel das Nacións Unidas. Detrás desta proposta está o estudante da Facultade de Dereito, Alfonso Martínez.

A plataforma dixital para o comercio local con packaging sostible Cunca foi deseñada por cinco estudantes da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) do Campus Industrial de Ferrol

A Reitoría da Universidade da Coruña acolleu, o luns 9 de maio, a presentación dos oito proxectos finalistas e a entrega de premios que presidiu a vicerreitora María José Lombardía, ao que asistiu o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industrial e Emprego, Jesús Celemín.
A maiores, tanto no UDC Space de Ferrol coma no de Coruña, os propios participantes do Programa Explorer by Santander X elixiron o mellor vídeo promocional. No Campus Industrial de Ferrol o premio foi para aplicación dixital para o comercio local Cunca e no da Coruña para a editorial Zorro Blanco.
O programa Explorer Jóvenes con Soluciones é unha iniciativa de emprendemento universitario que promove o Banco Santander e dirixe o Centro Internacional Santander Emprendemento. Está dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 31 anos que, ao longo de 12 semanas de formación en liña, traballaron nun proxecto da súa elección para atopar unha “solución sólida e viábel” enfocada a resolver problemas relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel 2030 fixados polas Nacións Unidas, tales como a fin da pobreza, unha educación de calidade, a igualdade de xénero, unha enerxía alcanzábel e non contaminante, un traballo digno, a redución de desigualdades, accións polo clima ou a creación de alianzas para acadar obxectivos comúns.
Nesta XIII edición, foron un total de 39 mozos e mozas, maioritariamente alumnos e alumnas da Universidade da Coruña, quen recibiron a correspondente formación en liña no UDC Explorer Space do Campus de Coruña e, por segunda vez, no de Ferrol. Os seus proxectos foron mentorizados por persoal docente e investigador da UDC e máis por varios integrantes da delegación coruñesa da Asociación de Sénior Españois para a Cooperación Técnica.

PUBLICIDADE