Unha app de música galega e unha revolucionaria guitarra eléctrica, Premios Sixto Seco

xoves, 21 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Cidade da Cultura foi este xoves 21, especialmente, un lugar de coñecemento, innovación e experiencias que marcan un antes e un despois na nosa liña de progreso tecnolóxico-empresarial. Estamos a falar da entrega de galardóns da sétima edición dos Premios Emprende Gaiás – Sixto Seco, que distinguiron, novamente, as mellores ideas emprendedoras do ano no sector das industrias culturais e creativas. Nesta edición, o xurado decidiu premiar unha aplicación móbil de música galega (GMusic) e un novo deseño de guitarra eléctrica. Os galardóns, que impulsa a Xunta a través da Fundación Cidade da Cultura, teñen o patrocinio de Afundación e a colaboración do IGAPE.
O acto de entrega dos premios, celebrado esta tarde no auditorio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, contou coa participación do secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo, Manuel Vila; do director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo; a coordinadora de Educación de Afundación, Carlota Sánchez-Montaña Puga; e o director do IGAPE, Juan Cividanes. Para finalizar a xornada, a lingüista, divulgadora e especialista en comunicación no ámbito profesional, Estrella Montolío Durán, impartiu a conferencia O poder da conversa, na que subministrou respostas útiles para tirar proveito da nosa imaxe persoal a través das conversas cotiás.

O galardón na modalidade de aplicacións e proxectos de Internet

Unha app para a música feita en Galicia
O proxecto GMusic, para o desenvolvemento dunha app móbil especializada en música feita en Galicia, foi o elixido como vencedor na modalidade A do certame, destinada a premiar proxectos en Internet e aplicacións informáticas do sector cultural. GMusic pretende aproveitar “a dimensión estético-emocional da música” para conectar cos oíntes, a través dunha ferramenta que leve ao teléfono móbil as bandas emerxentes e abra unha nova fiestra á interacción co usuario a través de tres tipos principais de contidos: radio online, podcast e concertos retransmitidos en live streaming.
O proxecto está promovido por Germán Cacheda de Paz, en colaboración con Xavier Facal. Ambos son técnicos superiores de son e traballan na Radio Galega como técnicos de control de radio. Xavier Facal é licenciado polo Conservatorio Superior da Coruña en Piano-jazz, mestrado en educación secundaria na especialidade de música e posgrao en sistemas de audio e sonorización. Desde 2017 é ademais director do programa de Radio Galega Música Notas de Jazz. Germán Cacheda ten unha traxectoria máis vencelalda ao ámbito empresarial e comercial, polo que “as combinacións de ambos perfís profesionais aportan valor ao proxecto emprendedor”, segundo fixo saber o xurado.

O premio na modalidade de proxectos creativos

Innovación en guitarras eléctricas
No caso da modalidade B do certame, destinada a premiar ideas emprendedoras nos eidos do deseño, a xestión cultural ou a creación artística e plástica, o xurado escolleu a proposta do enxeñeiro en deseño industrial e desenvolvemento de produto Martín Gómez Domínguez, centrada na creación dunha guitarra eléctrica innovadora no seu deseño e prestacións: un instrumento modular que posibilita cambiar a pastilla (que sempre está fixa noutras guitarras) en cuestión de segundos e poder movela en calquera posición sen cambiar as cordas ou desafinar. “Lógrase así unha variedade de sons e combinacións, dótase de versatilidade o instrumento e permite ao músico elixir entre case o 95% das pastillas existentes no mercado”, sinalou o xurado.
Apoio económico e acompañamento experto
A través dos Premios Emprende Gaiás – Sixto Seco, a Fundación Cidade da Cultura e a Xunta de Galicia apostan por apoiar os emprendedores e emprendedoras galegas desde que dan os seus primeiros pasos. Cada proxecto galardoado recibe un premio en metálico (3.000 euros para cada modalidade) e a posibilidade de incorporarse de balde e durante un ano ao coworking do Centro de Emprendemento Creativo da Cidade da Cultura. Os emprendedores e emprendedoras disporán no espazo de traballo colaborativo dun emprazamento para lanzar os seus proxectos, “beneficiándose dun ambiente innovador e cooperativo e dun programa de titoría personalizado que lles servirá de guía para transformar as súas ideas en empresas sustentábeis e competitivas”.

PUBLICIDADE