Unha aplicación para móbiles achéganos predicións marítimas para surfear en Galicia

venres, 23 de agosto do 2013 Marcus Fernández

O programador autónomo Óscar Gonçalves López, tras coñecer a dispoñibilidade da API de MeteoGalicia, decidiu desenvolver unha aplicación móbil para promover as praias galegas nas que pódese practicar o surf, de aí que hai uns meses publicase na App Store Swell, aplicación coa predición marítima para os principais areais galegos para facer surf, e que esta mesma semana estreouse tamén en Google Play, en ambos casos dispoñible de balde.
Swell permítenos consultar a información das praias a través de listaxes provinciais nas que figuran predicións para varios días nas que se detalla a altura das ondas, a temperatura da auga, a frecuencia das ondas, a dirección do mar, a dirección e velocidade do vento, o estado do ceo e as mareas, datos especialmente relevantes para os que queiran cabalgar as ondas na nosa costa.
Esta ferramenta está en español e inglés, carece de publicidade e pretende incorporar novidades para converterse nun referente tanto entre os surfeiros galegos como nos que veñen ata as nosas costas para practicar surf.

Swell está dispoñible de balde tanto para Android como para iPhone

PUBLICIDADE