Unha aplicación para detectar anemia, gañadora do Imagine Cup 2014

martes, 5 de agosto do 2014 Redacción

A compañía Microsoft organizou este ano unha nova edición, a 2014, do seu certame Imagine Cup, dirixido a achegar a estudantes de todo o mundo “a oportunidade de mudar o mundo a través da tecnoloxía”. Ou sexa, a presentar ideas de seu innovadoras e con potencial visíbel para enriquecer ou variar o percorrido da evolución dixital. Pois ben, Imagine Cup 2014 xa ten gañadores, tal e como se fixo saber o 29 de xullo nun evento celebrado en Seattle, Estados Unidos, onde a compañía deu a coñecer os vencedores das tres categorías da competición (Videoxogos, Innovación e Responsabilidade Global). Os elixidos foron seleccionados dos 34 equipos participantes que viaxaron desde diferentes recunchos do mundo para unirse á final internacional.
O equipo Eyenaemia, formado polos australianos Jennifer Tang e Jarrel Seah, resultou gañador absoluto de Imaxine Cup 2014. Segundo informou Microsoft, “a súa innovadora aplicación permite detectar a anemia realizando unha sinxela foto, abonda con colocar unha tarxeta de cores de referencia xunto ao ollo mentres se realiza a foto para que a aplicación analice a conxuntiva e determine o risco de padecer a doenza”. O obxectivo deste desenvolvemento é polo tanto axilizar e simplificar o diagnóstico, e en última instancia contribuír a mellorar a calidade de vida dos pacientes “en contornas onde o acceso a outras probas resulta complexo”.
Na final deste ano, engade a compañía de Redmond, participaron 125 estudantes de 34 equipos. Nesta edición, o 80% dos proxectos presentados na categoría Responsabilidade Global diríxese a aplicar a tecnoloxía ao eido dos medicamentos para mellorar áreas como a accesibilidade, terapias físicas remotas ou diagnósticos. Pola súa banda, máis do 50% das propostas totais e o 100% das presentadas na parte de Videoxogos encamiñáronse a divertir e facer gozar co uso da tecnoloxía, xa sexa a través do turismo, o deporte ou a fotografía. Segundo explica Microsoft, “as redes sociais son un dos temas máis salientábeis da categoría Innovación xa que está presente en máis do 27% dos proxectos a través de apps que permiten compartir mensaxes, fotos ou información de forma innovadora”.

PUBLICIDADE