Unha aplicación para Mac e Linux axuda a localizar portátiles roubados

mércores, 25 de marzo do 2009 Marcus Fernández

A preocupación ante a posibilidade de roubo do noso portátil é grande se viaxamos con el, non só polo valor do propio equipo, senón pola perda dos seus contidos, e así o viviu nas súas carnes Tomás Pollak, que intentou rastrexar o seu equipo roubado sen éxito, o que o levou a escribir unha aplicación para rexistrar información do ordenador no que se instale para poñela dispoñible cando se conecte á Rede e así facilitar a súa localización en caso de roubo.
Esta aplicación captou moito interese, o que levou a Pollak a publicalo de balde na Internet (pedindo que o conviden a unha cervexa no caso de que sirva para a recuperación práctica dun equipo roubado), e agora Prey está dispoñible polo momento para equipos con sistemas operativos Linux e Mac OS X (aínda que debería ser doado trasladalo a outras plataformas).
A aplicación instalada recompila información como o enderezo IP público e privado do ordenador, o IP da porta de enlace da súa conexión á Rede, o enderezo MAC da tarxeta de rede empregada para conectarse, se está a utilizar unha rede Wi-Fi (e o seu identificador), unha listaxe das conexións activas no momento de execución do programa, o tempo que leva o PC acendido, o número de usuarios conectados, unha listaxe de programas en execución, unha relación dos ficheiros modificados na última hora (ou no número de minutos que defina o usuario), unha fotografía tomada a través da webcam do equipo (en caso de estar dispoñible) e unha captura de pantalla do escritorio. Con todas estas pistas podería ser doado localizar o equipo, e lembremos que grazas a servizos coma Back To My Mac tamén foi posible recuperar un portátil roubado.

PUBLICIDADE