Unha aplicación móbil quere cabanizar aos veciños de Cabana de Bergantiños

venres, 11 de abril do 2014 Redacción

O alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muiño, e o director executivo de eLABORO, Jesús Velasco, presentaron hoxe a aplicación Cabanízate, dirixida a facilitarlles aos veciños unha nova vía de interacción co concello. Nun acto desenvolvido en Neaño e ao que asistiron membros do Goberno local, persoal do concello, das empresas concesionarias e representantes de diversos colectivos sociais de Cabana, Muíño e Velasco explicaron as múltiples vantaxes que vai representar esta ferramenta tecnolóxica a prol da notificación de avisos por parte da poboación cabanesa. A aplicación está xa dispoñible para a súa descarga gratuíta en Google Play, para smartphones con Android, e na App Store para iPhone.
Segundo sinalaron, a principal función de Cabanízate é a de pór nas mans dos veciños unha ferramenta coa que informar en calquera momento e lugar de incidencias detectadas en mobiliario ou espazos que dependen do concello: alumeado, recollida do lixo, rede de sumidoiros, instalacións municipais… As notificacións derívanselles ás persoas responsables de cada área, incluíndo as empresas concesionarias, que poderán facer un seguimento constante da xestión das incidencias, desde que se coñece ata que se resolve. Pola súa parte, o cidadán tamén terá constancia, tanto da recepción do seu aviso como da solución do problema, a través de mensaxes que recibirá directamente no dispositivo desde o que enviou a notificación.
Trátase así de potenciar a eficacia e a transparencia na xestión das incidencias que se produzan na localidade de Cabana, ao tempo que se lle facilita á poboación unha nova vía de comunicación co concello. Neste sentido, o alcalde fixo un chamamento á colaboración cidadá para poñer en coñecemento dos responsables locais calquera incidencia co obxectivo de lograr, coa implicación de todos, a máxima axilidade na súa solución.
Esta nova ferramenta móbil é unha integración da solución City4 de eLABORO, que tamén está a implantarse en Arzúa, A Estrada, Barreiros, Cuntis, Santa Comba, Xove, Cariño, Xinzo de Limia, Abadín e O Grove, así como fóra de Galicia.

A nova aplicación móbil conta xa con versións operativas para Android e iOS

PUBLICIDADE