Unha aplicación móbil galega axúdanos a tomar os medicamentos á súa hora

luns, 21 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Para algunhas persoas resulta realmente complicada a súa toma diaria de medicamentos, por ter que atender a distintas prescricións, o que dificulta lembrar a que hora hai que tomar cada menciña ou se xa tomamos o noso tratamento, e para axudar a solucionar esta problemática estreouse nos pasados días en Google Play a aplicación AlarMeds, que permite crear alarmas personalizadas para axudarnos a non saltar ningunha medicación, distinguíndose esta ferramenta polo xeito de rexistrar os medicamentos (cunha ficha na que é posible incorporar fotografías que axudarán á súa identificación por parte do usuario, así como distintas anotacións).
AlarMeds permite introducir alarmas indicando datas, dose e frecuencia, permitindo incluso configurar o xeito non que o móbil avisa ao usuario (son, vibración, volume, duración, melodía personalizada...) e incluso incorpora unha axenda de teléfonos de interese (ideal para rexistrar números de teléfono de servizos sanitarios ou emerxencias).
A aplicación permite rexistrar ata 20 alarmas diferentes, permitindo que o usuario non teña que estar pendente do reloxo ou de terceiras persoas. Pode adquirirse en Google Play a un prezo de 1,98 euros, aínda que tamén existe unha versión de balde limitada a un único medicamento, o que permite probar as funcionalidades desta ferramenta sen compromiso de ningún tipo.

Jessica Dopico desenvolveu a aplicación cos coñecementos adquiridos nun curso de Aplicacións para Android

Resulta destacable o feito de que esta aplicación para dispositivos Android non xurda dun estudio de desenvolvemento de aplicacións móbiles tradicional, senón que o seu desenvolvemento sexa obra de Jessica Dopico Tuimil, unha rapaza que decidiu emprender esta creación durante a súa participación no curso Aplicacións para Android, impartido por David Hermida Mourelle, pai do célebre Pementos Analyzer, e ao que Dopico acudiu cuns coñecementos informáticos “nivel usuario” e rematou sendo quen de publicar un produto comercial centrado nun deseño intuitivo e doado de empregar para usuarios de calquera idade.
Jessica Dopico comenta que a idea de crear esta aplicación naceu nos primeiros días do mencionado curso, cando “estaba combinando 3 menciñas para unha doenza pasaxeira, e coincidiu que unha das alarmas do móbil non sonou” o que a obrigou a volver calcular as horas dalgunhas das tomas, o que pensou que podería ser un problema que podería solucionar unha aplicación móbil como a que tiñan que desenvolver nas súas xornadas formativas.
Aínda que David Hermida deu un baño de realismo aos seus alumnos, manifestándolles o complicado que é vivir de facer aplicacións móbiles, iso non impediu que Jessica Dopico seguise adiante con este proxecto, e que incluso teña un par de ideas máis na cabeza que intentará que saian adiante no futuro. Un claro exemplo de emprendemento que destaca principalmente por atender a unha demanda do noso día a día, e que é posiblemente unha das prácticas que mellor poñen en valor o uso da TIC.

PUBLICIDADE