Unha aplicación facilita a edición de vídeo dende Windows Phone 8.1

luns, 28 de abril do 2014 Marcus Fernández

Aínda que moitos dos smartphones con Windows Phone contan con excelentes cámaras integradas, o sistema operativo móbil de Microsoft non apostaba pola posibilidade de editar vídeo en mobilidade, pero os que teñan instalada a versión preliminar de Windows Phone 8.1 poderán introducirse nesta materia grazas á nova aplicación Movie Maker 8.1, que sae á venda por 1,49 euros e que permite a mestura de vídeos, imaxes e música mediante o control táctil.
Esta aplicación que incluso funciona sen conexión á Rede permite elixir calquera vídeo da biblioteca do móbil, recortar ou dividir cortes de vídeo, modificar o nivel de volume, realizar efectos de cámara lenta, engadir imaxes nas que incluso poden aplicarse filtros, colocar pistas sonoras de fondo... en definitiva, realizar unha edición de vídeo básica dende o smartphone, coa vantaxe adicional de que estamos ante unha aplicación universal, polo que os que a merquen poderán gozala tamén en Windows 8.1 cando esta prestación estea dispoñible.

PUBLICIDADE