Unha aplicación converte o iPad nun monitor externo

martes, 12 de maio do 2015 Marcus Fernández

Os usuarios que teñan un iPad e queiran aproveitalo para mellorar a súa produtividade no escritorio informático poden adquirir a aplicación Duet Display, que permite converter un dispositivo con iOS nunha pantalla adicional dun ordenador conectado a través de cable, en contraste con outras solucións semellantes que están baseadas en conexións sen fíos, co que evitan problemas de configuración e retardos. Amais, esta aplicación para iOS (dispoñible actualmente a un prezo de 9,99 euros), que funciona en combinación cunha aplicación a instalar no ordenador ao que se conecte o terminal móbil, que até o momento estaba dispoñible só para OS X, dende a última actualización de Duet Display conta con versión compatible para Windows 7 e 8.
As vantaxes de Duet Display son moi grandes, pois non só converten o iPad nun monitor externo, permitíndonos elixir entre distintas resolucións de pantalla (de xeito que incluso podemos aproveitar a densidade de píxeles das pantallas Retina), senón que incluso aceptan a interacción táctil, o que pode resultar especialmente atractivo para o control de aplicacións coa interface moderna de Windows 8. A aplicación non só consegue funcionar practicamente sen retardo, senón que tamén consegue taxas de refresco de pantalla de até 60 imaxes, por segundo, aínda que o usuario pode optar por velocidades menores e outras opcións para poder reducir o consumo desta solución (pensando especialmente na mobilidade ou en ordenadores de potencia algo limitada).


Demostración do uso de Duet Display cun ordenador con OS X

PUBLICIDADE