Unha aplicación converte o smartphone nun scanner de documentos

luns, 6 de abril do 2015 Marcus Fernández

Dende hai tempo os usuarios de Windows Phone poden gozar da aplicación Office Lens, que permite converter o smartphone nun scanner que facilita a creación de documentos PDF, Word e PowerPoint, para gardalos comodamente na nube, o que pode resultar moi práctico para gardar anotacións dunha xuntanza ou para facer copias dixitais de documentos impresos, co grande vantaxe de que a aplicación recoñece automaticamente o texto impreso (facilitando logo a edición e a busca sobre os documentos dixitalizados). Agora, dentro da actual política de Microsoft de gañar peso no móbil e na nube, Office Lens estrea aplicación oficial para iPhone, de xeito que o teléfono de Apple pode converterse nun dixitalizador de documentos, que inicialmente tira proveito dos servizos OneNote e OneDrive para almacenar copias na nube dos ficheiros creados, facendo altamente dispoñibles os documentos dende multitude de dispositivos.
Office Lens tamén conta actualmente cunha versión preliminar para Android, aínda que para a súa instalación é preciso recorrer á súa comunidade en Google+ para solicitar a incorporación ao equipo de proba, para poder así gozar desta ferramenta que precisa como mínimo dun terminal con Android 4.1 para funcionar.


Vídeo de presentación de Office Lens para iPhone

PUBLICIDADE