Unayta organiza, describe e dixitaliza o Arquivo Intermedio Militar de Ferrol

martes, 7 de marzo do 2023 S. P.

A empresa galega Unayta, consultora tecnolóxica especializada na dixitalización documental e na posta en marcha de oficinas sen papel, comenzou o ano compartindo importantes proxectos, como por exemplo o labor de organización e descrición que está a levar a cabo en 66 concellos da provincia de Valladolid ou os detalles do seu proxecto de ordenación documental e dixitalización no Arquivo Intermedio Militar de Ferrol. Este traballo na cidade departamental consistiu na organización e descrición dos expedientes persoais de substitución, e que actualmente está centrado nos últimos anos do servizo militar obrigatorio, os anos 2000 e 2001.
En palabras de Unayta, os traballos no arquivo ferrolán realizáronse “nunha contorna histórica de gran interese e pouco coñecido en xeral”, aínda que “nos últimos anos mudouse esta realidade grazas ás visitas guiadas que o Concello organiza na Semana do Patrimonio Invisible de Ferrol”. Entre os achados nos que poñen o foco estas visitas atópase o Baluarte do Infante (unha parte do antigo recinto amurallado defensivo e os seus edificios con barracóns e oficinas, con orixe no último ¼ do S. XVIII), que é xermolo do Arquivo Intermedio Militar de Ferrol, que conta con 13 depósitos e alberga aproximadamente 57.000 unidades de instalación entre as que están os fondos propios das súas competencias, é dicir, os fondos administrativos, datados entre 1789 e 2009. Ademais, consérvanse as causas e procedementos correspondentes aos órganos da xustiza militar do Noroeste da Península pertencentes ao Tribunal Militar IV con sede na Coruña, “unha documentación de gran interese para investigadores, que se achegan ao propio Arquivo para consultar as diferentes causas”, explican dende Unayta, que traballou neste singular espazo cunha documentación constituída por expedientes persoais dos recrutas chamados a filas nos anos 2000 e 2001 e que son remitidos desde as distintas comunidades autónomas que forman a Rexión militar AM Noroeste (Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, A Rioxa e Castela e León).
Durante o proxecto, os técnicos de Unayta revisaron cada expediente individualmente para expurgar a documentación e materiais que non son admitidos no arquivo de destino e separando aqueles expedientes que quedan no arquivo ferrolán, como son os de profesionais, e instalaron estes expedientes xa tratados en novas unidades segundo a súa orixe xeográfica (por provincias) e ordenados segundo criterios alfabéticos onomásticos, que se reflectirán así mesmo na base de datos de consulta onde figuran os datos necesarios para identificar cada un dos expedientes, así como a súa localización por unidade de instalación. Unha vez organizados, os expedientes son enviados ao Arquivo Xeral Militar de Guadalaxara onde se depositan definitivamente.

PUBLICIDADE