Unayta amosará no CDTIC as vantaxes da sinatura biométrica e a xestión na nube

luns, 11 de abril do 2016 Redacción

A empresa galega Unayta (Milladoiro, Ames) vai organizar o vindeiro 20 de abril unha actividade sobre as vantaxes de termos a nosa empresa subida á nube. O obradoiro Xestiona a túa empresa en mobilidade celebrarase en Santiago en horario de 16.00 a 19.00 horas e contará coa colaboración do Centro Demostrador TIC (sede da actividade), a axencia AMTEGA e a Xunta de Galicia. Falarase en detalle dos beneficios para as nosas firmas da integración na súa actividade da sinatura biométrica (orzamentos, facturas, contratos, nóminas e do xeito máis económico e áxil) e, tamén, do seu asesoramento legal (da man do bufete Sistemius).
Asemade, a través deste seminario os asistentes poderán ver unha demostración sobre as funcionalidades dun ERP (Planificación de Recursos Empresariais) con cadros de mando de comerciais, orzamentos, facturas, contabilidade ou tesourería. O obradoiro está dirixido sobre todo a empresas de servizos en xeral, por exemplo as adicadas a multiservizos, novas tecnoloxías, consultorías de orientación técnica, financeira, comunicacións, etc.
Unayta é unha compañía de solucións tecnolóxicas, mercadotecnia e identidade de marca, que ofrece servizos que axudan a fortalecer a imaxe corporativa das empresas e, en consecuencia, a acadar os obxectivos da súa actividade. Conta cun equipo de traballo multidisciplinar que permite un trato 100% personalizado a cada cliente, aos que se lles ofrece, nas súas palabras, “unha atención próxima e directa”, ademais dun asesoramento específico a través de tres piares fundamentais: a investigación, a creatividade e o control de calidade.

PUBLICIDADE