Un xuíz forza a Google a entregar datos de uso de YouTube a Viacom

venres, 4 de xullo do 2008 Marcus Fernández


Resolución do xuíz neoiorquino Louis L. Stanton

Google deberá revelar a Viacom os enderezos IP dos usuarios que ven vídeos a través de YouTube segundo determinou un xuíz de New York, Louis L. Stanton, despois de que o grupo mediático acusase ao buscador de difundir vídeos da súa propiedade sen os permisos pertinentes.
Viacom pretende utilizar os datos para comprobar que YouTube utiliza principalmente material protexido por dereitos de autor e que os vídeos creados polos usuarios son minoritarios, o que lle podería servir para pedir unha indemnización que superase os 1.000 millóns de dólares por danos e prexuízos.
Pola súa banda dende Google estiman que os enderezos IP dos usuarios son datos persoais e a súa divulgación violaría o seu dereito á intimidade, pero o xuíz considerou que tal información era fundamental para a investigación do caso, e tamén reclamou unha copia de todos os vídeos vistos, ao igual que os datos de conexión de cada usuario.
No mesmo proceso Staton rexeitou varias das peticións de Viacom, coma o acceso ao código fonte das buscas en YouTube, o código fonte da tecnoloxía anti-piratería do portal de vídeos de Google, a listaxe de vídeos eliminados de YouTube tras coñecerse que non están autorizados para a súa publicación ou conseguir copia de todos os vídeos subidos a YouTube a través dunha conta privada de usuario.

PUBLICIDADE