Un web norteamericana detalla as características técnicas das películas editadas en Blu-ray

venres, 8 de agosto do 2008 Marcus Fernández

O formato Blu-ray está a ter moitos problemas para penetrar no mercado de consumo, pero os usuarios que decidiron apostar por el son bastante esixentes, de aí que nos EE.UU. creasen unha web cunha base de datos das películas editadas en tal soporte detallando as súas características técnicas, o que axuda aos compradores a decidir se paga a pena deixar os cartos no produto ou adquirir a película en DVD.
Blu-ray Statistics ofrece datos como a data de lanzamento, o estudo responsable da creación da película, a valoración en iMDb, o tamaño do disco (de 25 ou 50 Gb), se ten protección de zona e as compresións de audio e vídeo. Nos detalles de cada película incorpora aínda máis información, coma pode ser o nivel medio de compresión da película ou o espazo que ocupa no disco, o que nos fai entender que títulos coma 3:10 to Yuma (que se estreará nos cines españois no outono) está comprimida en VC-1 a 1.080p… ¡e ocupa 47,94 Gb de disco! Danos así a entender que é unha peza que saca proveito do seu formato, mentres que outras películas coma Aeon Flux está comprimida en MPEG-2 nun disco de 25 Gb. Vese claramente que esta última película non terá unha calidade tan boa como a anterior, e incluso poderiamos entender que dado que conta con moitos efectos especiais, sería un produto a desbotar, xa que podería contar cunha mellor edición posterior (podendo conformarse mentres o consumidor cunha copia en DVD a un prezo moi inferior).
Cómpre lembrar que as películas en Blu-ray poden empregar distintas compresións, coma son MPEG-2, VC-1 e AVC, nesa orde no tocante á calidade de compresión, aínda que non sobra indicar que a bitrates moi elevados a diferenza de calidade podería ser imperceptible, podendo empatar o VC-1 e o AVC, mentres que o MPEG-2 pode chegar a comportarse dignamente, aínda que non hai que esquecer que se trata dun formato de compresión moi vello (é o que actualmente se utiliza nos DVD).
Supomos que moitas destas características se replicarán na edición española das películas, de xeito que a web de Bluray Statistic podería ser moi práctica para os afeccionados ao cine en casa que se subisen ao carro da alta definición.

PUBLICIDADE