Un veciño de Redondela ponse en pé de guerra contra un banco a través da Rede

martes, 15 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

Imaxe da webcam mentres protesta contra o seu banco contando coa compaña «do tabaco, o café e a miña loucura»

As redes, nunha protesta, son as mans que fan a pega de cartaces por ti. Asemade, nun acto de mobilización a título individual contra algunha entidade ou corporación son, por así dicilo, os estrados ós que te sobes para que te escoiten os de atrás. Estes días estase a falar nos medios galegos dun caso destas características: o dun veciño de Redondela, responsable dunha tenda de golosinas, quen está a facer protesta real e virtual contra o que considera unha inxustiza da entidade financeira da que é cliente.
Segundo informa A Voz, a automobilización veu dada por unha suposta retirada non autorizada de cartos por parte do banco onde o manifestante ten depositados os aforros (o banco deféndese aducindo que se tratou dun erro e que xa foi solucionado co abono dun cheque).
O caso é que a iniciativa comezou o sábado e ten visos de seguir adiante, consistindo nunha protesta radicada no propio lugar de traballo do afectado e que se pode seguir en vivo na Rede a través dunha cámara web.
Máis concretamente, o seu requirimento consiste en acadar que a entidade financeira faga o que el considera de xustiza: que lle devolvan os 200 euros de intereses que lle achegou o feito de ter a conta descuberta.

PUBLICIDADE