Un troiano afecta a 600.000 ordenadores Mac

luns, 9 de abril do 2012 Marcus Fernández

Distribución mundial do troiano segundo Dr. Web

Está espallada a crenza de que os ordenadores de Apple están libres de virus e outras ameazas informáticas, o que dista de ser certo pois ningún sistema pode librarse da diversidade do malware, e como bo exemplo diso temos que a compañía rusa de seguridade informática Dr. Web desvelou que un troiano chamado Flashback, deseñado para roubar información persoal, afectou a 550.000 ordenadores con Mac OS X en todo o mundo (estimación que subiron ata os 600.000 equipos ás poucas horas, dos que 274 estaría en Cupertino).
Máis da metade dos ordenadores afectados polo troiano Flashback estarían nos EE.UU., mentres que no caso español só habería pouco máis de dous mil ordenadores infectados, aproveitando un fallo de seguridade de Java do que xa está dispoñible o correspondente parche de seguridade.
Para infectarse co Flashback só era preciso visitar unha páxina web que incluíse certo código en Java, aínda que para afectar seriamente ao sistema precisa do contrasinal do usuario (en caso de non conseguilo, intenta infectar a outros usuarios do mesmo equipo) e, unha vez instalado, inxecta código en navegadores web e aplicacións como Skype para recoller contrasinais e outras informacións persoais.
Dende F-Secure indican os pasos para eliminar o troiano de equipos afectados por esta ameaza informática.

PUBLICIDADE