Un sistema telemático permite saber se as empresas contratistas da Administración cumpren as súas obrigas tributarias

mércores, 29 de maio do 2013 Redacción

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, informou hoxe no Parlamento de Galicia de que a Consellería de Facenda ten xa establecido dende o mes de abril un sistema telemático para coñecer se as empresas inscritas no Rexistro Galego de Contratistas están ao corrente das súas obrigas tributarias coa Facenda estatal, coa autonómica e coa Seguridade Social, pois este feito é a principal causa de prohibición de contratar coa Administración.
O sistema actualízase coa periodicidade marcada na lei e no caso de que nunha consulta detéctese que unha empresa non está ao corrente dos pagamentos, comunicarase aos órganos de contratación da prohibición de contratar por tal causa.
Muñoz Fonteriz destacou que dende Galicia “sempre se traballou para que as prohibicións para contratar quedasen claras” e subliñou que dende 2009 se implantaron novos xeitos de acceso ao certificado de rexistro de contratistas dende a páxina web da Consellería de Facenda. Deste xeito, os órganos de contratación das administracións galegas poden acceder de xeito doado á consulta de certificados de rexistro e á consulta de situación de débedas coa Seguridade Social, coa Axencia Tributaria e coa Administración galega.
Entre estas novas aplicacións figuran a mellora do sistema de alertas por prohibición de contratar; a tramitación telemática integral de formularios de inscricións e modificacións; a incorporación de novos criterios de solvencia; ou a implementación dun sistema de notificación electrónica para relacionarse coas empresas inscritas, eliminando o uso do papel escrito en todo o proceso.

PUBLICIDADE