Un proxecto para inspeccionar grandes infraestruturas con UAV imponse na edición galega dos Galileo Master

venres, 11 de decembro do 2020 Redacción

A edición galega deste ano dos Premios Galileo Master, galardóns internacionais convocados pola Axencia Europea GNSS e a Axencia Espacial Europea para distinguir e enxalzar os mellores servizos e negocios que empregan a navegación por satélite para aplicacións na vida cotiá, recoñeceu este ano as contribucións de Contact-Drone, unha idea de negocio para inspeccionar grandes infraestruturas baseada en tecnoloxías de navegación por satélite. Foi desenvolvida por un equipo da escola de Enxeñaría Aeronáutica da UVigo.
Xa que nesta edición, polas restricións derivadas da pandemia, os gañadores da convocatoria galega dos premios non puideron asistir á cerimonia internacional de entrega de galardóns (os coñecidos como “Oscar do Espazo”) na mañá deste venres 11 celebrouse nas instalacións da Zona Franca, en Bouzas (Vigo), un acto institucional coa presenza do reitor da UVigo, Manuel Reigosa e do delegado da Zona Franca, David Regades.
Tamén participaron os integrantes do equipo distinguido: Higinio González Jorge, profesor titular da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; Luis Miguel González de Santos, investigador predoutoral da Universidade de Vigo e Joaquín Martínez Sánchez, profesor asociado na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía.
Este é o sexto ano que, da man da Universidade de Vigo e a Zona Franca, Galicia participa neste concurso, promovido pola Axencia Europea GNSS, a Axencia Espacial Europea, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio Federal Alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais. Desde o seu inicio en 2004 estes premios medraron até converterse nunha rede mundial de innovación e coñecemento con 18 rexións europeas asociadas e máis de 200 expertos industriais e científicos de todo o mundo.
Desde a UVigo e a Zona Franca búscase “animar a investigadores e centros tecnolóxicos a que presenten cada ano novas ideas que poden optar simultaneamente a un premio rexional e a un premio internacional e potenciar un sector estratéxico no que Galicia debe estar presente”.
Polo que respecta ao proxecto Contact-Drone, consiste no deseño dunha carga útil intelixente que permite ao UAV (vehículo aéreo non tripulado) realizar tarefas de inspección de contacto en grandes estruturas “cunha tecnoloxía disruptiva que pode revolucionar o sector da inspección industrial a gran escala xa que evita os riscos durante as inspeccións e mellora a eficiencia económica”, explicaron os seus desenvolvedores.
O xurado elixiu a esta idea de negocio baseada nos servizos do satélite europeo Galileo porque Contact-Drone “amplía o eido de aplicación das tecnoloxías de navegación ao sector da construción, un sector económico importante en Galicia”. Este feito, xunto co desenvolvemento dun produto innovador que promoverá “novos empregos de alto valor engadido”, foi crucial para a elección de Contact-Drone como gañador galego deste ano.
O ano pasado, como lembraremos, resultou gañadora a iniciativa CX-Geodron.

PUBLICIDADE