Un parche corrixe os problemas con Oculus Rift

xoves, 8 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Que un certificado caducado deixase fóra de servizo os cascos de realidade virtual Oculus Rift foi unha incidencia moi grave que por fin ten solución: dende Oculus publican na súa web un parche que permite reparar a instalación do software de Oculus Rift para que o casco de realidade virtual poida operar con normalidade.
A instalación do parche facilita a reparación do software nuns 10 minutos, aínda que tamén pode arranxarse o problema desinstalando a aplicación e instalando todo o software, aínda que tal proceso é moito máis lento.
Aínda que o descoido dos desenvolvedores do software que provocou a inutilización dos cascos de realidade virtual máis empregados no mercado do PC é toda unha vergoña, que atopasen unha solución en poucas horas é de agradecer. Nat Mitchell, cofundador de Oculus e director de Rift asegurou en Twitter que compensarán aos usuarios con crédito na súa tenda en liña.

PUBLICIDADE