Un par de interesantes proxectos TIC galegos achéganse á Radio Galega este sábado

venres, 11 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Xoán González explicou ante os micrófonos da Radio Galega algunhas das vantaxes que supón a súa solución de pagamentos con tarxeta

O programa Banda Ancha da Radio Galega, galardoado recentemente cun Premio INNOVA-G, continúa co seu labor de difusión da tecnoloxía en Galicia, polo que este sábado a partires das 15:00 horas realizará un repaso da actualidade da semana grazas á colaboración de Código Cero, aproveitando a ocasión para descubrir á audiencia un operador de telefonía móbil virtual (e doutros servizos de voz, acceso á Rede e televisión) con sede na Coruña e para conversar con Xoán González e David Pombar, dous dos promotores do innovador sistema de pagamento con tarxeta bancaria baseado en smartphones SetPay, que facilita a realización de cobros en mobilidade para autónomos e PEME. Explóranse así dous interesantes proxectos tecnolóxicos que serven de excelente exemplo do que pode emprenderse dende Galicia.
O espazo radiofónico desta semana convidou ao humorista Pedro Brandariz a explicar o uso profesional que fai das plataformas de redes sociais e a compartir os seus primeiros contactos co mundo da tecnoloxía. E como colofón do programa de tecnoloxía da Radio Galega o director de Vandal comentará algúns detalles sobre a actualidade do sector dos videoxogos, que está a vivir un momento de grandes cambios con novas videoconsolas e proxectos que queren revolucionar o lecer electrónico.

O director de Banda Ancha, Xosé María Fernández Pazos, vendo o dispositivo Bluetooth no que se basea SetPay
David Pombar detallou na Radio Galega o nacemento do seu proxecto tecnolóxico xestado durante máis de ano e medio

PUBLICIDADE