Un obradoiro forma a mulleres no uso seguro da Internet

venres, 11 de maio do 2018 Redacción

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na presentación do Obradoiro sobre confianza e seguridade das mulleres na Rede da Asociación de Mariscadores Virxe do Carme de Arcade, que pretende capacitar ás mulleres para un uso responsable e seguro en Internet. Os obradoiros teñen como finalidade promover a participación das mulleres na Sociedade da Información, aumentando a súa confianza e seguridade no uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación tendo en conta os posibles riscos que poden atoparse na Internet e incluíndo unha serie de recomendacións e consellos para previlos.
As TIC poden achegar á sociedade no seu conxunto, á poboación en xeral e ás mulleres en particular, múltiples oportunidades e beneficios. Non obstante, tamén xorden novos riscos. Como en moitos outros ámbitos, as mulleres presentan maior vulnerabilidade a algúns destes riscos: as fendas dixitais de xénero poden dificultar o acceso ao emprego, á formación ou á información en xeral, ou aparecer novos riscos de sufrir violencia de xénero.
As sesións desenvolveranse seguindo unha metodoloxía participativa transversalizando o enfoque de xénero en todo o proceso. Realizaranse diferentes actividades co propósito de que as participantes consigan descubrir conceptos básicos sobre a seguridade na rede. Propiciarase a realización de casos prácticos que faciliten a aprendizaxe mediante a reflexión grupal.

PUBLICIDADE