Un obradoiro de 3 días na Coruña axudará ao lanzamento de startups innovadoras

venres, 21 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Os vindeiros días 20, 21, e 22 de marzo celebrarase A Coruña Goes For Lean, un obradoiro práctico para pór en marcha ideas de negocio innovadoras facendo uso da metodoloxía Lean Start-Up, que non se limita á teoría, senón que busca unha aplicación real áxil baseándose na idea de aprender facendo e contando con mentores de luxo durante o proceso.
Esta actividade está organizada por AJE A Coruña, a aceleradora tecnolóxica Zarpamos e Nadie Labs, co apoio de Cowoco, Lance Talent e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, sendo esta última entidade a que actuará de anfitrioa, posto que as xornadas desenvolveranse nas súas instalacións da Rúa Federico Tapia nº 64, baixo.
A Coruña Goes For Lean divídese en varias fases: Creative Start & Pitch Ideas (selección de ideas e equipos innovadores), proposición de valor e saída do edificio (descubrir clientes e realizar propostas de valor), modelo de negocio (deseño e testeo do negocio), experimentos e PMV (validar e prototipar o negocio) e presentacións & Investor’s Challenge (como presentar o proxecto a un xurado).
A inscrición a este evento xa está aberta, con prezos que premiarán os primeiros rexistros con prezos reducidos.

PUBLICIDADE