Un novo navegador permite ver as webs en 3D

mércores, 6 de xuño do 2007 Marcus Fernández

Os usuarios que queiran facer un uso máis espectacular do seu navegador de Internet estarán contentos de descubrir que unha empresa neoiorquina vén de lanzar SpaceTime 3D, un navegador tridimensional que amosa o historial de web vistas a xeito de liña de tempo, permitindo o desprazamento dunhas webs a outros nun contorno 3D, podendo verse cada fiestra en 2D con facerlle dobre clic.
Destaca o feito de que amosa tridimensionalmente os resultados de buscas en Flickr, Google, Yahoo!, eBay ou o buscador de imaxes de Google.
Por desgraza non se trata dun navegador con moitas prestacións, xa que non conta con xestión de favoritos nin admite engadidos, polo que non parece unha boa alternativa para visualizar páxinas web, pero os usuarios que conten cun equipo potente poden empregar este sistema para realizar presentacións e impresionar cun xeito distinto de ver a Internet.

PUBLICIDADE