Un novo espectáculo percorrerá Galicia facendo rir coa tecnoloxía

mércores, 14 de marzo do 2012 Marcus Fernández

A evolución da tecnoloxía vai servir de fío condutor dun espectáculo de humor protagonizado por Pepo Suevos, Oswaldo Digón e David Amor, cómicos reunidos nunha xira que botará a andar mañá no Teatro Rosalía de A Coruña, para pasar polo Auditorio Municipal de Ourense o 29 de marzo, o Teatro Principal de Compostela o 1 de maio e o Pazo da Cultura de Narón o 4 de maio, aínda que agardan ampliar novas localizacións máis adiante.
Este curioso espectáculo xunta as iniciais dos nomes de pía dos actores involucrados (P.O.D.) como inspiración do lema “primeiro foi o walkman, despois chegou o MP3 e agora... HaiPOD”, buscando ser algo máis que unha simple sucesión de monólogos e que incluirá a proxección de vídeos pregravados, a interacción entre os artistas, música e moitas sorpresas.
HaiPOD procurará así demostrar que é posible facer unha reflexión cómica sobre as novas tecnoloxías e a Internet, dun xeito dinámico, divertido e irrepetible.

Cartel do espectáculo HaiPOD

PUBLICIDADE