Un manifesto expón as necesidades de Yahoo! de cara a unha reestruturación

mércores, 22 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Brad Garlinghouse durante o Web 2.0 SummitBrad Garlinghouse, vicepresidente de Yahoo!, vén de provocar un revulsivo na súa empresa coa publicación do Peanut Butter Manifesto (Manifesto da Manteiga de Cacahuete) no Wall Street Journal e que expón as redundancias en moitos postos de traballo da compañía e a falta de liderado e dunha estratexia “única e coherente”, polo que compara a estratexia de investimentos de Yahoo! con untar un pouco de manteiga de cacahuete en pan.
Así, parece claro que Yahoo! debería recortar nun 20% o seu cadro de persoal, e reorientar as súas estratexias corporativas, xa que a perda de posicións con respecto a competidores coma Google queda en evidencia en moitas áreas.
Garlinghouse incluso debulla os distintos servizos de Yahoo! comparándoos con competidores de máis éxito, o que podería ser o síntoma dunha falta de entusiasmo nos proxectos desenvolvidos que se traduciría nuns resultados pouco satisfactorios.
Todas estas críticas chegan nun momento no que Yahoo! podería sufrir unha reestruturación a nivel directivo, pois Terry Semel, actual conselleiro delegado, podería deixar a empresa.

PUBLICIDADE