Un informe determina que os consumidores teñen dereito a liberar os seus móbiles de balde

xoves, 4 de abril do 2013 Marcus Fernández

Tras unha denuncia de FACUA-Consumidores en Acción, o Instituto Nacional de Consumo (INC) e as autoridades de protección ao consumidor das comunidades autónomas emitiron un informe (dispoñible para a súa descarga en formato PDF) no que conclúen que a venda de móbiles non liberados supón unha práctica ilegal, polo que as compañías deben liberalos de balde, sen a necesidade de que finalicen os compromisos de permanencia, sinalando que de non facer así as operadoras poderían ser obxecto de sancións ao implicar cláusulas abusivas que vulneran o texto refundido da Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios.
No informe indican que os usuarios teñen dereito a pedir a liberación do seu móbil subvencionado tras o remate do seu período de permanencia ou tras pagar a penalización correspondente por non facer tal, pero non o deixan aí, senón que detallan que os clientes que dentro do período de permanencia tamén poden exercer tal dereito sempre que manteñan o contrato e estean ao corrente do abono das facturas, pois son libres de poder utilizar o seu terminal con tarxetas SIM doutras compañías sempre que cumpran coas obrigas contractuais adquiridas.
Dende FACUA aseguran que van remitir ás compañías de telefonía móbil o informe instándoos a proceder a facilitar a todos os seus clientes os códigos de liberación dos seus terminais e exporán ás autoridades de protección ao consumidor autonómicas que apliquen sancións proporcionais ás dimensións das irregularidades cometidas polo sector. Tamén recomendan que os usuarios que pidan a liberación do seu terminal e reciban unha resposta negativa ou queiran cobrarlles pola operación, presenten a correspondente denuncia a través das administracións de consumo acompañando o mencionado informe.

PUBLICIDADE