Un informe destaca a frecuencia de uso da Administración electrónica por parte dos galegos

martes, 18 de maio do 2010 Redacción

Galicia é a terceira Comunidade Autónoma no uso da Administración Electrónica, por parte da poboación para obter información das páxinas web institucionais, superando a media estatal en 5,6 puntos e a quinta en descarga de formularios oficiais, 2,6 puntos máis que o conxunto do Estado segundo o informe Estado da Sociedade da Información en Galicia 2009, elaborado recentemente polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) en base aos datos do INE 2009.
Galicia está a adiantar ao conxunto de Estado no grupo de idade de 16 a 24 anos en uso de ordenador e Internet así como nas compras dos mozos a través da rede. A proporción de mozos que empregaron o ordenador nos últimos tres meses anteriores á realización da enquisa do INE foi do 95,4% en Galicia e do 93,7% para o conxunto do Estado. No tramo de idade de 16 a 24 anos, o 44,2% compraron algunha vez a través de Internet, superando a media estatal en 8,8 puntos. No tramo de idade de 25 a 34 anos, a vantaxe dos mozos galegos (48,1%) é de 5,1 puntos.
En canto ao uso de Internet, o 49,8% dos galegos empregou a rede nos tres últimos meses cun incremento do 16,6% nos últimos dous anos. Aínda así a media estatal supera en 10 puntos porcentuais á media galega. Un 42,3% dos fogares galegos teñen contratada a conexión a Internet e un 38,3% a través de banda larga, o que supón un incremento do 8,2% respecto a 2008.
A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis asalariados de Galicia dispoñen de ordenador (97,7%) e teñen contratada conexión a Internet (92,9%) e un 89,3% a través da banda larga. O 55,1% das empresas deste segmento con conexión á rede dispón dunha páxina web e o 54,8% emprega a sinatura dixital, superando en 2 puntos porcentuais a media estatal. Hai que salientar a existencia dunha fenda entre as empresas de 10 e máis empregados e as microempresas galegas, que representan o 95% do total. Estas últimas posúen niveis baixos de equipamento tecnolóxico e de presenza na rede. No 2009 un 57% das microempresas dispoñía de ordenador e un 46,7% con conexión a internet (un 43% a través de banda larga). O 19,5% destas empresas dispoñen de web fronte ao 21,9% da media estatal.

PUBLICIDADE