Un grupo de traballo procura a mellora da integración das plataformas tecnolóxicas do ámbito xudicial

luns, 13 de maio do 2019 Redacción

A sede da AMTEGA acolleu a constitución dun grupo de traballo integrado por representantes da Xunta e do Ministerio de Xustiza para avanzar de xeito conxunto na transformación dixital da Xustiza. No encontro, participaron a directora da AMTEGA, Mar Pereira; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; e a directora xeral de Modernización do Ministerio de Xustiza, Sofía Duarte; e a secretaria da Sala de Goberno do TSXG, Concepción Otero, xunto con técnicos de ambas administracións.
O grupo de traballo acordou avanzar na implantación do Expediente Xudicial Electrónico (EXE) nun modelo de cooperación, que permita unha maior integración das plataformas tecnolóxicas desenvoltas polo Estado e as implantadas en Galicia no marco do Plan Senda.
Esta medida permitirá mellorar a automatización dos procesos e a experiencia de usuario. Ademais. abordarase unha análise de ferramentas tecnolóxicas que permitan avanzar cara á transcrición automatizada das vistas.

Avances na implantación do EXE

Galicia ten en marcha todas as pezas do Expediente Xudicial Electrónico e os indicadores de uso estanse a incrementar progresivamente. En 2018 asináronse dixitalmente preto de 900.000 documentos nos xulgados galegos, unha cifra cinco veces superior á rexistrada o ano anterior.
O incremento do uso da sinatura dixital está directamente relacionado co aumento de órganos xudiciais habilitados con esta funcionalidade, que pasaron de 2 a principios de 2017 a 136 ao remate de 2018. Ademais, a integración da sinatura dixital co sistema de xestión procesual Minerva que empregan xuíces, letrados, funcionario e con Fortuny o sistema dos fiscais facilita un maior uso da firma electrónica.
Xunto coa extensión da sinatura dixital outra das medidas de implantación do Expediente Xudicial Electrónico foi a posta á disposición de maxistrados, letrados, fiscais e funcionarios a consulta online de calquera expediente xudicial a través do Visor, unha solución única e multidispositivo, que está implantada xa desde 2018 na totalidade dos órganos xudiciais galegos. O ano pasado o visor rexistrou 43.000 visitas, un 34% máis que en 2017.
Os expedientes en formato electrónico albérganse no repositiorio unificado xudicial, a pedra angular é da que se serven as novas aplicacións e servizos dixitais (o visor, a sede electrónica, o portal de xustiza...). Centraliza en único punto toda a información xudicial, datos e documentos que se xera diariamente na tramitación de calquera procedemento en calquera órgano xudicial.
Este repositorio integra máis de 32 millóns de documentos, o dobre que en 2017. Cada día rexistra 40.000 novos documentos e outros 50.000 modificados.
Os galegos poden presentar online, a través da sede xudicial electrónica procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador.
A través da Sede Xudicial Electronica os cidadáns tamén poden facer un seguimento do procedemento e consultar os expedientes xudiciais dos que son parte través do espazo a miña carpeta, que durante 2018 rexistrou máis de 11.000 accesos.

PUBLICIDADE