Un grupo de K-pop arrasa en YouTube co seu novo vídeo musical

martes, 9 de abril do 2019 Marcus Fernández

No vídeo musical non falta o product placement de tecnoloxía surcoreana, como os novos Samsung Galaxy S10+ en varias cores

Aínda que YouTube é unha plataforma de vídeo en liña claramente occidental, hai fenómenos que conseguen rachar a tendencia principal, de xeito que ao igual que a canle de T-Series (con música de Bollywood) logrou superar temporalmente ao célebre PewDiePie en número de subscritores, temos agora que o grupo surcoreano Blackpink coa estrea do seu novo vídeo musical, Kill This Love, conseguiu rachar numerosas marcas, de xeito que foi o vídeo musical que antes superou os 100 millóns de reproducións (en menos de 3 días) e tamén conseguiu converterse no vídeo musical máis visto na súa estrea, con 56,7 millóns de reproducións ás primeiras 24 horas.

Samsung empregou imaxes dun vídeo musical de Blackpink para demostrar a pantalla dos novos Galaxy S10 no último evento Unpacked

Durante a estrea de Kill This Love conseguiron chegar a congregar até a 979.000 usuarios simultáneos, superando os 829.000 de Ariana Grande en decembro, e este fenómeno incluso reflectiuse nas vendas, de xeito que Kill This Love converteuse na primeira canción dun grupo feminino asiático en chegar ao número 1 de iTunes nos EE.UU., ou sexa, que o poder da Rede está a conseguir que o K-pop transcenda do seu mercado orixinal, de xeito que Blackpink xa ten programadas media ducia de actuacións nos EE.UU. dentro da súa xira actual (na que tampouco falta unha actuación en Barcelona).

Kill This Love é o tema de Blackpink que está a trunfar en YouTube

PUBLICIDADE