Un fallo informático carga facturas desorbitadas aos alumnos da USC

martes, 21 de abril do 2009 Raquel Noya

Se ben é sabido que a capital galega, ademais de ser mundialmente coñecida pola súa Catedral e polo seu casco histórico, tamén é un referente para os estudantes que bucan unha universidade de prestixio como é a USC, o que non se sabía tan ben era que aloxarse nas súas residencias podía chegar a pagarse a prezo de suite nupcial no Hostal dos Reis Católicos.
Isto foi o que lles pasou varios estudantes que estaban aloxados en distintas residencias e colexios maiores de Santiago, que por un erro informático, lles foi cargada unha cota mensual de máis de 13.800 euros, a razón de 460 euros por cada día de estanza.
O erro, que rexistrou distintas cantidades segundo cada caso, afectoulle a uns 300 alumnos dos máis de 1.000 que hai rexistrados no sistema de residencias da USC, mais os peor parados foron 11 universitarios aloxados no Monte da Condesa, que viron nas súas contas unha suma de ata 13.861 euros que a Universidade lles reclamaba en concepto de aloxamento.
O vicereitor da USC, Mayán Santos, asegurou que a aplicación informática “se volveu tola” (como posiblemente lle sucedería a algún proxenitor dos alumnos afectados ao ver as facturas que lles eran reclamadas) porén afirma que “os cargos se anularon sen ningún problema”.
A aplicación informática empregada pola Universidade de Santiago para cargas nas contas bancarias do alumnado a cota mensual polo aloxamento, funciona dende hai tres anos e ata o de agora nunca tivera un problema similar.
Os alumnos e alumnas afectados recibiron unha carta do vicereitorado de Comunidade Universitaria informándolles de que debían devolver a factura errada e que máis adiante se lles facturará o importe correcto.

PUBLICIDADE