Un fallo de seguridade provoca o caos en Twitter

martes, 21 de setembro do 2010 Marcus Fernández

A vulnerabilidade detectada en Twitter permitía a realización de retuiteos de xeito involuntario e contaxioso

Os usuarios de Twitter están a vivir nos últimos minutos un completo caos nesta plataforma de microblogging, pois está a ser explotado de xeito masivo un fallo de seguridade que afecta á web do servizo (non así aos clientes de escritorio e móbiles) que está a provocar a difusión en cadea de mensaxes coma retuiteos con só pasar o punteiro do rato sobre unha das mensaxes fraudulentas que actualmente invaden a liña de tempo dos usuarios.
Dende a web de Twitter podemos ver multitude de mensaxes de erro distintas e comportamentos moi raros da páxina, polo que o máis recomendable durante as vindeiras horas e non acceder directamente a este espazo e agardar a que parcheen o seu problema de seguridade, aínda que o ataque parece estar contido parcialmente, polo que dá a impresión de que agora só falta que limpen as mensaxes reenviadas sen o consentimento dos usuarios.
O fallo de seguridade que está a aproveitarse para crear o caos en Twitter permite crear mensaxes emerxentes e remitir ao usuario a páxinas web de terceiros con só pasar o rato sobre unha ligazón, o que provocou un contaxio en cascada que incluso afectou ao perfil de Sarah Brown, esposa do anterior primeiro ministro británico, Gordon Brown, levando aos seus seguidores a visitar unha páxina web pornográfica publicada dende o Xapón, o que dá a entender que hai spammers detrás deste ataque a Twitter.

PUBLICIDADE