Un estudo vincula o envío de SMS eróticos con relacións de risco entre adolescentes

mércores, 19 de setembro do 2012 Raquel Noya

Se Olvido Hormigos, a concelleira do PSOE da localidade toledana de Los Yébenes que estivo preta a dimitir logo de que se difundira publicamente un vídeo erótico seu, coñecera os riscos do sexting antes de telo enviado, probablemente non se tería metido na enleada que se meteu e evitaría que hoxe estivésemos citándoa nesta nova.
A fin de contas, Hormigos é maior de idade e o que faga na súa intimidade é cousa súa, porén a cousa tórnase moito máis preocupante se a práctica se estende (como de feito está a suceder) entre os e as adolescentes de todo o mundo.
Segundo un estudo encargado polos Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades de Estados unidos (CDC), un de cada sete estudantes de secundaria de Los Ángeles ten enviado unha mensaxe ou foto con contido sexualmente explícito a través do seu móbil, unha práctica que, segundo o informe, “incrementa as probabilidades de ter problemas relacionados”.
A investigación baséase nunha enquisa realizada en 2011 e publicada pola revista Pediatrics, e os seus resultados indican que os adolescentes de Los Ángeles que enviaran mensaxes subidas de ton “tiñan sete veces máis posibilidades de ser sexualmente activos que aqueles que dixeron que nunca enviaran mensaxes eróticas”, co conseguinte risco para a saúde se non se toman as medidas de prevención axeitadas.
O que verdadeiramente pretendían saber os investigadores era se existe un vínculo entre o sexting (envío de SMS con contido sexual) e asumir riscos co corpo, e segundo o director do estudo e investigador en redes sociais da Universidade de Southern California en Los Ángeles, Eric Rice, “a resposta é afirmativa”.
O estudo arrebola que algo máis do 40% dos adolescentes con smartphone afirmou manter relacións sexuais, pero só dous terzos admiten usar preservativos.
En resumo, e segundo as conclusións dos investigadores, “o envío de mensaxes de contido erótico semella ser un reflexo ou un indicio dun comportamento sexual real, e o que fan nas súa vidas ao estar desconectados é o que fan nas súas vidas cando están conectados”, espetaron.
Asemade, existe a preocupación de que esas fotos rematen en Internet e de que se acose aos adolescentes, ou de que os estudantes que reciben mensaxes de texto sexualmente explícitos puideran ser acusados de pornografía infantil.

PUBLICIDADE