Un estudo da USC constata que as mozas son máis conscientes cós mozos dos riscos das redes sociais
mércores, 19 de abril do 2017
Hoxe a
Universidade de Santiago achegou novos e interesantes datos sobre os
hábitos dos nosos menores nas TIC, un informe que serve de
complemento ao
que recentemente desvelou o Concello de Pontevedra e no que, como
lembraremos, constábase a imparábel escalada da presenza de nenos e
adolescentes no uso cotián de redes sociais, cos riscos evidentes
que isto pode ter de non contaren con supervisión e/ou con formación
previa axeitada. O estudo da USC fornece, en cambio, unha óptica de
xénero. Nel sinálase, entre outras cousas, que o comportamento dos
menores nas redes sociais é diferente segundo se son rapaces ou
rapazas. En termos máis concretos, elas son máis conscientes ca
eles dos riscos e, tamén, asumen de maneira máis integral o
potencial das redes como fonte de información de utilidade.
A investigación vén da man dos investigadores do
Taller Permanente de Novas Masculinidades e Cambio Social do
Instituto de Ciencias da Educación da USC. Foi feita sobre a base de
634 mozas e mozos de primeiro e cuarto da ESO e ciclo medio de
Santiago. O informe, igual có de Pontevedra, tamén constata un
acceso temperán (temperán de máis) nas redes sociais: 11 anos na
maioría dos casos en mozos e 12 en mozas.
No acto de presentación do estudo participaron o
profesor de Ciencias da Educación Jorge García Marín, e a
vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social,
Dolores Álvarez Pérez. O investigador chamou a atención sobre “a
importancia da implicación das familias á hora de xestionar a
utilización das redes sociais dos menores e engadiu unha serie de
consellos”. Por exemplo, adiar na medida do posíbel a data de
“recalada” das rapazas e rapaces nestas comunidades e servizos
dixitais: “Canto máis tarde mellor”.
En termos xerais, o estudo amosa como os rapaces
pasan máis tempo conectados ca elas e que existe “unha pluralidade
de redes sociais a través das que interactúan”. A maneira na que
se presentan nelas tamén posúe particularidades de xénero: “Eles
soen presentar o seu perfil público utilizando fotos de persoas
famosas ou imaxes obxecto relacionadas con coches, motos, fútbol,
baloncesto ou personaxes de videoxogos, mentres que elas se decantan
por imaxes de natureza romántica, persoal, alusivas á familia, á
natureza ou a paisaxes”, informou o investigador na presentación
do informe, engadindo que nel tamén se avaliou o tipo emprego que se
fai das redes: as rapazas adoitan procurar información xeral,
transmitir sentimentos ou acadar datos sobre traballos escolares,
amais de combinar con outras amizades ou pendurar fotos, e os rapaces
soen tirarlles proveito para “falar coa parella, xogar aos
videoxogos, compartir imaxes persoais, coñecer xente nova, evitar o
aburrimento e ligar”.
Os investigadores incluíron tamén preguntas
alusivas á percepción dos perigos asociados á utilización das
redes, concluíndo que “elas son máis conscientes destes riscos”.
No seu punto de vista, “as redes son potencialmente perigosas por
permitir o control da actividade, a posibilidade de ser vítimas de
chantaxes ou a suplantación da identidade”.
O equipo de investigación que desenvolveu o
traballo intégrano Jorge García Marín, Ramón Torrente García,
Ana María Porto Castro e Mª Josefa Mosteiro García.