Un erro das autoridades de EE UU leva ao peche de 84.000 páxinas web

xoves, 17 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

O Goberno dos Estados Unidos semella terse extralimitado no seu proceso de bloqueo de páxinas web. Segundo se conta na Rede, no medio e medio dunha operación contra a pornografía infantil ao abeiro das redes, EE UU pechou por erro 84.000 sitios, cando en realidade só quería bloquear dez. A raizame do problema estivo no peche dun dominio de provedor de acceso, Free DNS, ao que estaban ligados os outros restantes, milleiros de restantes. O resultado foi unha cadea simultánea de bloqueos, non moi alentadores de cara aos webmasters das ditas webs afectadas ao vir por enteiro coa mesma feitura: unha mensaxe en liña, á vista de todos, na que se advertía que calquera actividade ligada á pornografía infantil é un delito federal que implica penas de até trinta anos de cadea e sancións de arredor de 250.000 dólares.
Segundo se fai saber en medios como El Pais, o responsable de FreeDNS emitiu xa un comunicado no que advertía que a súa firma non dera acubillo a este tipo de prácticas. Pouco máis tarde, o servizo recobrou a actividade e, paseniño, os subdominios foron volvendo á normalidade (o proceso calcúlase que durará aínda uns tres días). De todas formas, cómpre pensar que o mal está feito, xa que os avisos federais estiveron pendurados nas webs durante tempo de abondo como para amigos, coñecidos, clientes ou familiares dos websmasters lles atribuíran responsabilidades nos abusos que se estaban a perseguir.

PUBLICIDADE